Liderado polo grupo Rede, Campus do Mar e a Oficina de I+D+i da Universidade de Vigo, o proxecto Sherpa do Mar, integrado no Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) INTERREG VA, púxose en marcha en 2019 co obxectivo de crear e consolidar un ecosistema transfronteirizo de emprendemento innovador no contexto mariño-marítimo. Tres anos despois, o obxectivo está cumprido. Así quedou explicado o pasado xoves no acto de clausura e difusión dos resultados deste proxecto, unha xornada na que se expuxo que, grazas aos recursos xerados pola cooperación transfronteiriza, foi posible poñer en marcha 12 novas iniciativas empresariais intensivas en coñecemento no ámbito mariño-marítimo para desenvolver a súa competitividade empresarial mediante actividades innovadoras e a elaboración de diagnósticos personalizados de actuación innovadora para 120 empresas de Galicia e do norte de Portugal.

A xornada tivo lugar na sede da Axencia Galega de Innovación, socia no proxecto, e contou coa presenza do catedrático de Organización de Empresas e coordinador do grupo de investigación UVigo Rede, Xosé Enrique Vázquez, e da directora da Área de Servizos de Axencia Galega de Innovación Patricia Fernández Liz. Os 12 proxectos empresariais lanzados ao mercado son a cara máis visible dos resultados de Sherpa do Mar. Aportan solucións innovadoras ás necesidades actuais de sectores como a acuicultura, os portos, as conservas ou o turismo e achegan tecnoloxías punteiras a retos como a dixitalización, sustentabilidade, seguridade ou trazabilidade dos alimentos.